sábado, 10 de febrero de 2024

A CORESMA

A CORESMA
A Coresma é o tempo litúrxico de conversión, que marca a Igrexa para prepararnos á gran festa da Pascua. É tempo para arrepentirmos dos nosos pecados e de cambiar algo de nós para ser mellores e poder vivir máis preto de Cristo.

A Coresma dura 40 días; comeza o Mércores de Cinza e termina antes da Misa da Cea do Señor do Xoves Santo. Ao longo deste tempo, sobre todo na liturxia do domingo, facemos un esforzo por recuperar o ritmo e estilo de verdadeiros crentes que debemos vivir como fillos de Deus.

A cor litúrxica deste tempo é o morado que significa loito e penitencia. É un tempo de reflexión, de penitencia, de conversión espiritual; tempo de preparación ao misterio pascual.

Na Coresma, Cristo convídanos a cambiar de vida. A Igrexa convídanos a vivir a Coresma como un camiño cara a Xesucristo, escoitando a Palabra de Deus, orando, compartindo co próximo e facendo obras boas. Convídanos a vivir unha serie de actitudes cristiás que nos axudan a parecernos máis a Xesucristo, xa que por acción do noso pecado, afastámonos máis de Deus.


Por iso, a Coresma é o tempo do perdón e da reconciliación fraterna. Cada día, durante toda a vida, habemos de arroxar dos nosos corazóns o odio, o rancor, a envexa, os celos que se opoñen ao noso amor a Deus e aos irmáns. En Coresma, aprendemos a coñecer e apreciar a Cruz de Xesús. Con isto aprendemos tamén a tomar a nosa cruz con alegría para alcanzar a gloria da resurrección.